A endoderme ou endoderma é unha capa interna do córtex, que rodea o cilindro vascular nalgunhas plantas terrestres (ou ao periciclo nas raíces). É máis frecuente nas raíces ca nos talos. A endoderme marca o límite entre o córtex e a estela. Está feita de células vivas dispostas ben compactadas coas veciñas; pode constar dunha capa de células ou de varias; a súa capa externa de células está impregnada de substancias hidrófobas, que forman a chamada banda de Caspary, que impide o fluxo apoplástico (polos espazos entre as células) de auga cara ao interior do cilindro central.[1]
En moitas pteridófitas, a endoderme é unha capa perfectamente distinguible situada xusto por fóra do cilindro vascular (estela) de talos e raíces. Na maioría das plantas con sementes, especialmente as leñosas, a endoderme está ausente dos talos pero presente nas raíces.
A endoderme axuda a regular o movemento de auga, ións e hormonas cara ao interior e exterior do sistema vascular. Pode tamén almacenar amidón, estar implicada na percepción da gravidade e protexe a planta das toxinas impedindo que entren no tecido vascular.
Cando se produce o crecemento secundario, coa formación profunda de periderme, a endoderme é separada da raíz xunto co córtex. Cando a periderme se forma superficialmente, a endoderme é estirada e esmagada ou se acomoda á expansión do cilindro vascular por divisións anticlinais.